Vostede está aquí: Inicio Turismo Promoción do Turismo Vía Künig OMIX
 
Martes, 26 Abril 2022 15:08

INAUGURACIÓN DA BIBLIOTECA DO CORGO.

 

 

O Concello do Corgo, a través do Proxecto CORGORAL, inaugurou o pasado sábado 23 de Abril a Biblioteca do Punto de Atención á Lectura. O acto tivo lugar na Antiga Escola e contou coa presenza de numeroso público, entre o cal se atopaban Jesús Abuín, cronista oficial do Corgo, e Benedicta Sánchez, coñecida actriz local honrada pola Xunta de Galicia coa medalla Castelao.

Para celebrar o Día Mundial do Libro, o concello corgués e a Asociación Cultural Arumes ofreceron un lote de libros a cada unha das persoas que asistiu, ao tempo que se celebrou un recital de poesía a cargo de Alberte Momán. O grupo de música tradicional A Legua Dereita, que este ano celebra o seu vixésimo aniversario, interpretou tres pezas do seu repertorio: a rumba de Darío, a muiñeira de Curuxeiras e a xota de Murias de Rao.

A posta en funcionamento da Biblioteca do Punto de Atención á Lectura do Corgo está a ser posible grazas ás xenerosas e desinteresadas doazóns de publicacións ofrecidas por diferentes particulares e institucións. Todas aquelas persoas que desexen coñecer os seus fondos bibliográficos, realizar consultas ou levar emprestado algún libro poderán facelo a través do servizo de cita previa, chamando ao concello ou enviando un correo electrónico a Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.

 

O Concello do Corgo, a través do Proxecto CORGORAL, celebra o vindeiro sábado 23 de Abril, Día Mundial do Libro, coa presentación pública da Biblioteca do Punto de Atención á Lectura. O acto terá lugar ás 20 horas nas Antigas Escolas de Agros e contará coa presenza das autoridades locais e dos representantes de diversas institucións culturais. Por outra banda, os membros da Asociación Cultural A Legua Dereita interpretarán varias pezas de música tradicional e serán distribuídos entre o público asistente vinte lotes de libros expresamente ofrecidos para este evento pola Asociación Cultural Arumes e polo concello.

A posta en funcionamento da Biblioteca do Punto de Atención á Lectura do Corgo está a ser posible grazas ás xenerosas e desinteresadas doazóns de publicacións ofrecidas por diferentes particulares e institucións, entre os que se atopan, a título de exemplo, a Asociación de Escritores en Lingua Galega, o Seminario Diocesano de Lugo, a Deputación Provincial de Lugo, a Fundación Barrié, o Instituto de Estudos Chairegos, o Museo Arqueolóxico e Histórico da Coruña, o Museo Arqueolóxico do Castro de Viladonga ou a Real Academia Galega de Belas Artes.

Estades tod@s convidad@s! Contamos coa vosa presenza!

Xoves, 07 Abril 2022 06:38

PRESENTACIÓN DA REVISTA CORGA.Nº 8

 

 

O CENTRO DE ESTUDOS DO CORGO e a ASOCIACIÓN CULTURAL ARUMES, en colaboración co Concello do Corgo, presentan o vindeiro sábado día 9 de Abril, ás 20 horas no Centro Sociocultural do Corgo o número 8 da Revista CORGA. Neste volume danse a coñecer catro traballos: o primeiro, da autoría de Marco Antonio García-Gabilán Sangil, enceta as vicisitudes do deslinde municipal entre os concellos do Corgo e Láncara; a continuación, Lois Ladra trata do Proxecto CORGORAL e da prensa escolar como fonte para a recompilación da literatura popular de tradición oral; posteriormente, Óscar González Murado explica as capelanías e os capeláns do Corgo, para rematar con un estudo do románico no termo municipal corgués, a cargo de Mario Outeiro Iglesias.

O acto contará coa presenza de diversas autoridades locales, así como con representantes da Asociación Cultural Arumes e do Centro de Estudos do Corgo. Tamén estarán os autores, que farán un breve resumo das súas investigacións e dos traballos que se darán a coñecer.

 

 

 

Páxina 28 de 149

Barrio da Portela, S/N 27163
O Corgo - Lugo (Galicia)
Teléfono: 982 302 100
Fax: 982 302 068  
concello.ocorgo@eidolocal.es

Conéctate