Vostede está aquí: Inicio Memoria do Corgo

Proxecto CORGORAL

O Concello do Corgo, a través do Proxecto CORGORAL, pretende recompilar, estudar e salvagardar a Literatura Popular de Tradición Oral e o Patrimonio  Cultural Inmaterial de interese municipal. É por iso que na páxina web do concello habilitamos unha pestana específica na que iremos dando a coñecer unha parte destas recollas: tradicións, contos, lendas, historias... Tamén recuperaremos imaxes, textos e cantigas: fotografías antigas, publicacións sobre O Corgo, prensa escolar... Vellos oficios, festividades cíclicas anuais,  romarías, procesións... E pouco a pouco, de vagar pero sen folganza, iremos creando toda unha ampla e pormenorizada cartografía cultural corguesa.

Un aspecto destacado do Patrimonio Cultural Inmaterial corgués é o de todo aquilo que se refire á nosa lingua propia ou vernácula. E dentro das expresións lingüísticas, o estudo dos nomes de lugar ou topónimos ocupa un lugar senlleiro. Por todo isto, o Concello do Corgo, a través do Proxecto CORGORAL, ten a ben celebrar o Día de Galicia deste ano 2021 coa publicación dun traballo clásico de referencia e de especial interese: a “Toponimia do concello do Corgo”, da autoría do esgrevio investigador Nicandro Ares Vázquez (1926-2017).

Nesta obra poderemos coñecer cales son as orixes e os significados dos topónimos corgueses que aparecen recollidos no Nomenclátor oficial da Xunta de Galicia, vixente desde o ano 2000. Nomes tan aparentemente difíciles de entender, como poden ser Abragán, Bergazo, Chamoso ou Laxosa teñen nestas páxinas a súa cumprida e pertinente explicación etimolóxica.
Desde o Proxecto CORGORAL ofrecémosvos esta significativa achega para podermos coñecer mellor o noso concello, a nosa cultura e o noso patrimonio inmaterial. Todas as persoas interesadas neste traballo podedes descargar de balde o PDF na páxina web municipal, solicitar a versión impresa enviando un correo a Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo. ou poñéndovos directamente en contacto connosco no teléfono 676-862-924. Moitas grazas.

pdf Orixe e significado dos nomes de lugar do concello do Corgo (9.90 MB)

Publicado en Novas

Desde hai pouco mais de unha semana, a páxina web oficial do Concello do Corgo, a través do Proxecto CORGORAL, ten aberto unha nova sección titulada “Memoria do Corgo”, coa seguinte ligazón de referencia para todas as persoas que nos queiran coñecer ou visitar virtualmente: https://www.concellodocorgo.com/index.php/corgoral.html

Neste apartado estamos a subir numerosos contidos relacionados co noso termo municipal e coas nosas parroquias, aldeas e lugares. Aínda estamos en fase de probas e certamente temos que mellorar moitas cousas, pero o que nos move é a ilusión por ofrecervos en diversos formatos imaxes, textos e gravacións en audio e vídeo que sirvan de base para conformar pouco a pouco un futuro milladoiro de lembranzas corguesas. Aquí atoparedes textos, fotos, cantigas, documentais, libros, revistas, xornais, mapas... Como dicía Castelao: “Non lle poñades chatas á obra namentres non se remata. O que pense que vai mal, que traballe nela: hai sitio para todos”.

Trátase, coma sempre, dun proxecto público, aberto e colaborativo, no que agradecemos todas as vosas achegas, ideas e opinións. Podedes enviar o que vos pareza interesante a Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo. ou poñervos directamente en contacto connosco no teléfono 676-862-924. Moitas grazas.

Publicado en Novas

 

O alumnado do 4.° curso de Primaria do CEIP Plurilingüe “O Corgo” participou no concurso de ideas para o deseño do logotipo do Proxecto CORGORAL. En concreto, presentáronse trece propostas, das que catro foron preseleccionadas polo profesorado do centro. Todos os alumnos participantes foron agasallados polo concello e pola Asociación Cultural Arumes con un bolígrafo conmemorativo e un libro. Logo de unha moi detida e prolongada reflexión, a idea orixinal gañadora foi a do alumno Hugo Otero Fernández, da parroquia de San Xoán do Corgo.A partir desta proposta, que ten un megáfono como icona principal, o deseñador gráfico de La Voz de La Verdad ofreceunos unha interpretación renovada, colorida e atraente, que pasará a identificar graficamente o Proxecto CORGORAL: recompilación e salvagarda do patrimonio cultural inmaterial no concello do Corgo (contos, lendas, cantigas, festividades cíclicas, oficios tradicionais...). Aproveitamos para lembrar a todas as persoas que queiran colaborar nestas recollas que se poden poñer en contacto connosco no teléfono 676-862-924 ou no correoEste enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.

 

Publicado en Novas
Páxina 1 de 3

Barrio da Portela, S/N 27163
O Corgo - Lugo (Galicia)
Teléfono: 982 302 100
Fax: 982 302 068  
concello.ocorgo@eidolocal.es

Conéctate