PROXECTO CORGORAL: Literatura de Tradición Oral e Patrimonio Cultural Inmaterial no Concello do Corgo
O Concello do Corgo vén de contratar un técnico para facer a recolla, transcrición, estudo e clasificación da Literatura Popular de Tradición Oral e do Patrimonio Cultural Inmaterial. Durante os meses de Xaneiro e Febreiro, as liñas mestras do “Proxecto CORGORAL” están a ser presentadas á corporación e aos traballadores municipais, aos centros escolares e a diversas asociacións culturais. Ao longo deste ano 2021 serán feitas numerosas entrevistas aos maiores e ás persoas que gardan os tesouros da nosa rica tradición oral: cancións, contos, lendas, romances, coplas, refráns, adiviñas, oracións, responsos… Tamén se recollerán os coñecementos relacionados cos oficios artesanais (muiñeiros, carpinteiros, pedreiros…), cos nomes da terra (microtoponimia) e coas celebracións comunitarias (festas, romarías…).
Todos os interesados en colaborar con esta iniciativa cultural poden poñerse en contacto con Lois Ladra, no teléfono 676-862-924 de luns a venres de 09:30 a 15:30 ou no correo electrónico Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.
Incorporación do Concello do Corgo á Rede de Dinamización Lingüística.
Faise pública a Resolución do Consello de membros da Rede de Dinamización Lingüística que acorda a incorporación do concello do Corgo na rede.
pdf Incorporación do concello do Corgo á Rede de Dinamización Lingüística (554 KB)
INAUGURACIÓN DA EXPOSICIÓN "O FIN DO CAMIÑO"
O martes, día 12 foi inaugurada no centro Sociocultural do Concello do Corgo a mostra itinerante “O FIN DO CAMIÑO”, organizada polo Colectivo Egeria, e que conta co patrocinio da Xunta de Galicia a través do programa “O teu Xacobeo”. e permanecerá ata o martes día 19 de xaneiro.
Os textos da exposición están redactados en galego, castelán e inglés para xeral comprensión, xa que está dirixida especialmente aos peregrinos, e así a súa programación inclúe numerosos puntos dos Camiños de Santiago, comezando polos fitos do Camiño Francés en Galicia. As fotografías son de dous importantes fotógrafos galegos –Eduardo Ochoa e Carlos Puga- que reflicten especiais visións dos Camiños a Compostela, arredándose das visións turísticas e centrándose nos aspectos humanos e monumentais, dos que se destacan os detalles máis sobranceiros.
Os textos abordan o tema de O FIN DO CAMIÑO como expresión dos sentimentos que moven ao peregrino para emprender este Camiño milenario, tendo capítulos especiais para o motor da fe, os máis de mil anos dos camiños, o percorrido cara a unha terra de brumas e de luz. Exprésase a procedencia dos peregrinos de lonxanas terras, polos camiños todos que levan a Compostela… destacando aspectos como que Europa se mira en Compostela, a peregrinación en multitude ou en soidade, os peregrinos singulares ou anónimos, o millón de pasos que constitúe o Camiño Francés, a cadea de fervores que o Camiño supón, para chegar á Capital de Occidente, visitar a tumba do apóstolo, completar un camiño interior reflexo do exterior percorrido, e emprender o Camiño de volta.
Cada panel conta con brevísimas glosas do Camiño de Urbano Lugrís, Dante ou Frei Luis de León; Filgueira ou Pensado; Tirso, Machado, Fraguas, Pondal, Cunqueiro, Torrente, Cervantes, Celso Emilio ou Manuel Rodríguez López.
A mostra está composta por dez paneis dobres, de 2,30x0,80 metros, e ademais do patrocinio da Xunta de Galicia a través de “O teu Xacobeo”, conta coa colaboración da Asociación de Municipios del Camino de Santiago e Acogida Cristiana del Camino, da Catedral de Santiago, e da plataforma en internet GaliciaDigital, que desenvolveu a web do proxecto, cos contidos da exposición.
Esta exposición percorreu o ano pasado o Camiño Francés, e en 2020-2021 visitará todos os concellos da provincia de Lugo polos que pasan os Camiños de Inverno, Primitivo, Norte e Vía Kunig.
Máis información: www.ofindocamiño.org