RESOLUCIÓN do 13 de xaneiro de 2016, da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, pola que se convoca a proba para a obtención do título de bacharel para maiores de vinte anos e se ditan instrucións para a súa realización.
Convócase a proba para a obtención do título de bacharel para maiores de vinte anos no ano 2016, nas modalidades de Ciencias e tecnoloxía e Humanidades e ciencias sociais, conforme se dispón nas epígrafes seguintes:
1. Condicións das persoas aspirantes.
1. Poderán participar nestas probas as persoas que cumpran os seguintes requisitos:
a) Ser maior de 20 anos ou cumprir esa idade no ano 2016.
b) Non estar en posesión do título de bacharel ou de calquera outro título declarado equivalente para os efectos académicos.
c) Non estar a cursar ensinanzas de bacharelato en ningunha das súas modalidades ou réximes nin ter estado matriculado nesas ensinanzas no curso escolar 2015/16.
O incumprimento dalgún destes requisitos suporá a anulación da inscrición na convocatoria das probas e dos posibles resultados académicos obtidos nelas.
2. Os aspirantes poderán matricularse dos dous exercicios que integran a proba ou dun deles.
Poderanse matricular tamén na proba, para realizar o exercicio correspondente ás materias comúns, os aspirantes que teñan superadas as materias de modalidade de calquera das dúas vías da modalidade de Artes.
O prazo de presentación será entre o 18 de febreiro e o 3 de marzo de 2016.
Probas para obter o título de graduado en E.S.O para maiores de dezaoito anos
RESOLUCIÓN do 13 de xaneiro de 2016, da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, pola que se convocan as probas para a obtención do título de graduado en educación secundaria obrigatoria para maiores de dezaoito anos nas convocatorias de maio e setembro, e se ditan instrucións para a súa realización.
Condicións das persoas aspirantes
Poderán participar nestas probas as persoas que cumpran os seguintes requisitos:
1. Ter cumpridos os dezaoito anos o día anterior á data de realización da proba.
2. Non estaren en posesión do título de graduado en educación secundaria.
3. Non estaren inscritas para a superación das materias de 4º curso de educación secundaria obrigatoria establecidas no artigo 7, apartado 5 da Orde do 21 de decembro de 2007 (DOG do 7 de xaneiro de 2008).
4. Non estaren nin teren estado matriculadas no curso 2015/16 nas ensinanzas de educación secundaria ordinaria nin nas de formación profesional básica.
5. O alumnado matriculado durante o curso 2015/16 na educación secundaria para persoas adultas poderá inscribirse nas probas se previamente cumpre as seguintes condicións:
5.1. Para acudir á primeira convocatoria, o alumnado ten que solicitar a baixa nas ensinanzas do segundo cuadrimestre. Así mesmo, as persoas con ámbitos do primeiro cuadrimestre sen superar deberán renunciar á avaliación extraordinaria deses ámbitos.
5.2. Para inscribirse na segunda convocatoria, o alumnado con ámbitos suspensos no segundo cuadrimestre ten que renunciar á avaliación extraordinaria deses ámbitos.
. Os prazos de matrícula serán:
– Convocatoria de maio: do 7 de marzo ao 18 de marzo de 2016, ambos os dous incluídos.
– Convocatoria de setembro: do 1 de xullo ao 8 de xullo de 2016, ambos os dous incluídos.
As probas realizaranse en sesións de mañá e tarde os días 27 de maio e 8 de setembro para as respectivas convocatorias.
Orde do 31 de decembro de 2015 pola que se establecen as bases polas que se rexerá a concesión da prestación económica de pagamento único por fillas e fillos menores de tres anos para o ano 2016 (DOG nº 17 do 27 de xaneiro de 2016).
Esta orde ten por obxecto establecer as bases polas que se rexerá a concesión da prestación familiar polas fillas ou fillos menores de tres anos, así como a convocatoria destas axudas para o ano 2016.
A prestación consistirá nun pagamento único por cada filla ou fillo menor de tres anos sen que a mesma filla ou fillo poida dar lugar a máis dunha prestación en virtude desta convocatoria. A contía será a seguinte:
- Cando sexa a primeira filla ou fillo: 360 euros.
- Cando sexa a segunda filla ou fillo: 1.200 euros.
- Cando sexa a terceira ou terceiro e sucesivos: 2.400 euros.
Beneficiarios:
1. Poderán ser beneficiarias desta prestación aquelas persoas que teñan fillas ou fillos menores de tres anos o 1 de xaneiro de 2016 (nados entre o 2.1.2013 e o 1.1.2016, incluídos) e que, durante o ano 2014, nin elas nin ningunha das persoas que compoñen a unidade familiar estivesen obrigadas a presentar a declaración polo IRPF correspondente a este período, nin a presentasen de xeito voluntario aínda sen estar obrigadas a iso.
No caso de fillas ou fillos adoptados ou acollidos entre o 31 de decembro de 2014 e o 31 de decembro de 2015, a prestación concederase durante os tres anos posteriores á data da resolución xudicial ou administrativa que a declare.
Así mesmo, serán beneficiarias desta axuda aquelas persoas solicitantes dela no ano 2015 que, cumprindo todos os requisitos sinalados na Orde do 30 de decembro de 2014, pola que se establecen as bases polas que se rexerá a concesión da prestación económica de pagamento único por fillas e fillos menores de tres anos, modificada pola Orde do 31 de agosto de 2015, non se lles aboara por insuficiencia orzamentaria.
2. Nos supostos de nulidade, separación ou divorcio das persoas proxenitoras, o beneficiario ou beneficiaria da prestación será aquela persoa que teña a custodia das fillas ou fillos, de acordo co establecido no convenio regulador ou sentenza de separación ou divorcio.
3. En ningún caso poderán ser beneficiarias as persoas proxenitoras privadas da patria potestade das súas fillas ou fillos, ou se a tutela ou a garda fose asumida por unha institución pública.
4. As persoas estranxeiras que residan en Galicia poderán beneficiarse desta prestación sempre que cumpran as condicións da Lei orgánica 4/2000, sobre dereitos e liberdades dos estranxeiros en España e a súa integración social, e os requisitos establecidos nesta orde. Ademais deberán ter a condición de contribuíntes para os efectos do disposto na Lei 35/2006, do 28 de novembro, do imposto sobre a renda das persoas físicas e da modificación parcial das leis dos impostos sobre sociedades, sobre a renda de non residentes e sobre o patrimonio.
5. As persoas beneficiarias teñen que cumprir os requisitos establecidos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e obríganse a observar o disposto no artigo 11.
Prazo:28/01/2016 - 07/03/2016.