ORIXE E SIGNIFICADO DOS NOMES DE LUGAR DO CONCELLO DO CORGO
Un aspecto destacado do Patrimonio Cultural Inmaterial corgués é o de todo aquilo que se refire á nosa lingua propia ou vernácula. E dentro das expresións lingüísticas, o estudo dos nomes de lugar ou topónimos ocupa un lugar senlleiro. Por todo isto, o Concello do Corgo, a través do Proxecto CORGORAL, ten a ben celebrar o Día de Galicia deste ano 2021 coa publicación dun traballo clásico de referencia e de especial interese: a “Toponimia do concello do Corgo”, da autoría do esgrevio investigador Nicandro Ares Vázquez (1926-2017).
Nesta obra poderemos coñecer cales son as orixes e os significados dos topónimos corgueses que aparecen recollidos no Nomenclátor oficial da Xunta de Galicia, vixente desde o ano 2000. Nomes tan aparentemente difíciles de entender, como poden ser Abragán, Bergazo, Chamoso ou Laxosa teñen nestas páxinas a súa cumprida e pertinente explicación etimolóxica.
Desde o Proxecto CORGORAL ofrecémosvos esta significativa achega para podermos coñecer mellor o noso concello, a nosa cultura e o noso patrimonio inmaterial. Todas as persoas interesadas neste traballo podedes descargar de balde o PDF na páxina web municipal, solicitar a versión impresa enviando un correo a Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo. ou poñéndovos directamente en contacto connosco no teléfono 676-862-924. Moitas grazas.
pdf
Orixe e significado dos nomes de lugar do concello do Corgo
(9.90 MB)
A WEB DO CONCELLO DO CORGO ESTREA UNHA NOVA SECCIÓN CO PROXECTO CORGORAL
Desde hai pouco mais de unha semana, a páxina web oficial do Concello do Corgo, a través do Proxecto CORGORAL, ten aberto unha nova sección titulada “Memoria do Corgo”, coa seguinte ligazón de referencia para todas as persoas que nos queiran coñecer ou visitar virtualmente: https://www.concellodocorgo.com/index.php/corgoral.html
Neste apartado estamos a subir numerosos contidos relacionados co noso termo municipal e coas nosas parroquias, aldeas e lugares. Aínda estamos en fase de probas e certamente temos que mellorar moitas cousas, pero o que nos move é a ilusión por ofrecervos en diversos formatos imaxes, textos e gravacións en audio e vídeo que sirvan de base para conformar pouco a pouco un futuro milladoiro de lembranzas corguesas. Aquí atoparedes textos, fotos, cantigas, documentais, libros, revistas, xornais, mapas... Como dicía Castelao: “Non lle poñades chatas á obra namentres non se remata. O que pense que vai mal, que traballe nela: hai sitio para todos”.
Trátase, coma sempre, dun proxecto público, aberto e colaborativo, no que agradecemos todas as vosas achegas, ideas e opinións. Podedes enviar o que vos pareza interesante a Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo. ou poñervos directamente en contacto connosco no teléfono 676-862-924. Moitas grazas.
OS ESCOLARES DO CORGO DESEÑAN O LOGOTIPO PARA O PROXECTO CORGORAL.
O alumnado do 4.° curso de Primaria do CEIP Plurilingüe “O Corgo” participou no concurso de ideas para o deseño do logotipo do Proxecto CORGORAL. En concreto, presentáronse trece propostas, das que catro foron preseleccionadas polo profesorado do centro. Todos os alumnos participantes foron agasallados polo concello e pola Asociación Cultural Arumes con un bolígrafo conmemorativo e un libro. Logo de unha moi detida e prolongada reflexión, a idea orixinal gañadora foi a do alumno Hugo Otero Fernández, da parroquia de San Xoán do Corgo.A partir desta proposta, que ten un megáfono como icona principal, o deseñador gráfico de La Voz de La Verdad ofreceunos unha interpretación renovada, colorida e atraente, que pasará a identificar graficamente o Proxecto CORGORAL: recompilación e salvagarda do patrimonio cultural inmaterial no concello do Corgo (contos, lendas, cantigas, festividades cíclicas, oficios tradicionais...). Aproveitamos para lembrar a todas as persoas que queiran colaborar nestas recollas que se poden poñer en contacto connosco no teléfono 676-862-924 ou no correoEste enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.
https://arquivo.concellodocorgo.com/index.php/corgoral.html?limitstart=0#sigProIde2b463a7cc