pdf ORDE DO 6 DE AGOSTO QUE REGULA AS SUBVENCIÓNS PARA EXPLOTACIÓNS OVINAS E CAPRINAS CON DIFICULTADES DE COMERCIALIZACIÓN POLO COVID19 Popular
Por OMIX 1274 descargas
ORDE DO 6 DE AGOSTO QUE REGULA AS SUBVENCIÓNS PARA EXPLOTACIÓNS OVINAS E CAPRINAS CON DIFICULTADES DE COMERCIALIZACIÓN POLO COVID19.pdf
Poderán ser beneficiarios desta axudas as persoas físicas ou xurídicas, ou entes sen personalidade xurídica, que cumpran todos os requisitos que se indican:
a) Que presentasen ou presenten en 2020 a solicitude única prevista na Orde do 12 de febreiro de 2020 pola que se regula a aplicación dos pagamentos directos á agricultura e á gandaría e das axudas ao desenvolvemento rural suxeitas ao sistema integrado de xestión e control, dentro do prazo establecido pola norma.
b) Que sexan beneficiarias do pagamento das liñas de axuda por ovella e cabra que regula o artigo 2.1.c), 6ª, 7ª ou 8ª da Orde do 12 de febreiro de 2020 pola que se regula a aplicación dos pagamentos directos á agricultura e á gandaría e das axudas ao desenvolvemento rural suxeitas ao sistema integrado de xestión e control.
c) Que sexan persoas titulares dunha explotación inscrita no Rexistro Xeral de Explotacións Gandeiras (Rega) cos requisitos que se indican nalgún dos guións seguintes:
– Explotacións de ovino cunha clasificación zootécnica de «reprodución para a produción de carne», «reprodución para a produción de leite» ou «reprodución para produción mixta» con máis de 10 femias reprodutoras conforme a última declaración censual obrigatoria establecida no artigo 11.4 do Real decreto 685/2013, do 16 de setembro, polo que se establece un sistema de identificación e rexistro dos animais das especies ovina e cabrúa.
– Explotacións de caprino cunha clasificación zootécnica de «reprodución para a produción de carne», «reprodución para a produción de leite» ou «reprodución para produción mixta» con máis de 10 femias reprodutoras conforme a última declaración censual obrigatoria establecida no artigo 11.4 do Real decreto 685/2013, do 16 de setembro.
A contía máxima da axuda que percibirán as persoas solicitantes non poderá superar os 12 euros por ovella ou cabra elixible.
A solicitude da axuda entenderase realizada pola presentación no ano 2020 da solicitude única regulada na Orde do 12 de febreiro de 2020 pola que se regula a aplicación dos pagamentos directos á agricultura e á gandaría e das axudas ao desenvolvemento rural suxeitas ao Sistema integrado de xestión e control, dentro do prazo establecido para a presentación da dita solicitude.
As persoas solicitantes deberán efectuar unha declaración responsable sobre se teñen concedidas axudas en réxime de minimis (Regulamento (UE) nº 1408/2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector agrícola), neste ano e nos dous anteriores, segundo o modelo que figura no anexo desta orde no prazo máximo de 10 días hábiles desde a entrada en vigor desta orde.
A remisión ao Fogga da declaración responsable poderá efectuala a persoa interesada na concesión da axuda ou ben as entidades colaboradoras que teñan asinado un convenio de colaboración co Fogga para a tramitación da solicitude única das axudas da política agrícola común (PAC) e outras solicitudes relacionadas con esta. Neste caso a persoa solicitante deberá autorizar a entidade colaboradora mediante a súa indicación na epígrafe correspondente da declaración responsable que figura no anexo desta orde